COMPOSICIÓN DE TEXTO HISTÓRICO: «ESPAÑA EN EUROPA E NO MUNDO»

ORIENTACIÓNS: Tendo sempre en conta a información subministrada polos documentos, deberás analizar o proceso de integración de España na CEE (Documento 1), así como a súa integración e participación na política internacional (Documento 2), facendo fincapé en determinadas cuestións especialmente salientables (adhesión á OTAN, reapertura da verxa de Xibraltar, a política iberoamericana ou a participación na guerra de Iraq). Cumpriría rematar coa mención daquelas misións humanitarias ou de paz nas que España ten participado nos últimos tempos (Documento 3).

 

DOCUMENTOS A TRABALLAR:

Doc. 1. Acta das condicións de adhesión do reino de España á CEE, BOE 1 de xaneiro de 1986:

“Artigo 2. Desde o momento da adhesión, as disposicións dos Tratados orixinarios e os actos adoptados polas institucións das Comunidades antes da adhesión obrigarán aos novos estados membros.
Articulo 3. Os novos Estados membros adhírense, por medio da presente Acta, ás decisións e acordos adoptados polos representantes dos Gobernos dos Estados membros reunidos no seo do Consello.
Artigo 4. Os acordos ou convenios subscritos por unha das Comunidades cun ou varios terceiros Estados, unha organización internacional ou un nacional dun terceiro Estado serán vinculantes para os novos Estados membros”.

 

Doc. 2. Mijail Gorbachov, Felipe González e George Bush pai na Conferencia de Paz de Madrid ( outubro de 1991):

Doce días frenéticos que pusieron a España en el centro del mundo

 

Doc. 3. Misións internacionais nas que intervén España («La razón», outubro de 2023):

Todas las misiones internacionales en las que participa España: más de  3.000 militares y 1.740 millones en lo que va de año - Infobae

 

 

 

 

MODELO SOLUCIONADO ORIENTATIVO:

Trala morte do ditador Francisco Franco, os primeiros gobernos da monarquía de Xoán Carlos I buscaron compaxinar o apoio internacional ao proceso de transición democrática coa «reintegración» de España no panorama internacional, rematando coa situación de excepcionalidade marcada pola política franquista ao longo de catro décadas, contando so como logros excepcionais o Acordo Económico Preferencial coa CEE de 1970, o apoio da ONU na cuestión de Xibraltar ou o restablecemento de relacións co bloque comunista da Europa do Leste.

Neste contexto de progresiva consolidación do novo réxime democrático, a política exterior dos gobernos da UCD (1977-1982), dirixidos, sucesivamente, por Adolfo Suárez e Leopoldo Calvo Sotelo buscaron como liñas mestras negociar a futura integración española na Comunidade Económica Europea (Documento 1), seguindo o mesmo camiño que outras nacións que viñan de réximes ditatoriais (Grecia e Portugal); asináronse co Vaticano novos acordos en 1979 (reformando o Concordato de 1953 para adecualo á Constitución de 1978);  reforzar os acordos militares cos EE.UU (que tiñan a súa orixe nos Pactos de Madrid de 1953); o ingreso na OTAN en 1982 (paso moi cuestionado pola oposición de esquerdas); cultiváronse as relacións con Hispanoamérica e, buscouse potencial a «tradicional amizade co mundo árabe» (o Estado de Israel non sería oficialmente recoñecido polo noso país ata 1986). Precisamente, a celebración en Madrid en 1980 da Conferencia de Seguridade e Cooperación Europea (co fin de tentar resolver o conflito árabe-israelí), foi un éxito diplomático que veu a ratificar internacionalmente a política exterior española.

Nos seguintes anos, cos gobernos consecutivos do PSOE (de 1982 a 1996), a política exterior española desenvolveuse en diferentes ámbitos: mantemento do apoio ao pobo palestino, compaxinado co recoñecemento do Estado de Israel (1986); abandono da política pro-polisario en favor dunha maior implicación das partes implicadas no conflito do antigo Sáhara Español (Marrocos e Alxeria); un reforzamento dos vínculos políticos e económicos con Hispanoamérica, e a apertura da verxa con Xibraltar (pechada por orde de Franco dende 1969), iniciando os gobernos español e británico unha serie de conversas e negociacións en diante para tentar resolver o tradicional conflito do Peñón. Pero, sobre todo, na década dos 80, consolidaríase a integración de España no contexto internacional, sobre todo, a través da plena incorporación na Comunidade Económica Europea (Documento 1) e a permanencia de España na OTAN, feitos que se produciron no mesmo ano, 1986.

As primeiras negociacións para ingresar na CEE desenvolvéronse no franquismo, pero a Europa comunitaria non permitiu a entrada española pola natureza ditatorial do réxime. O proceso reanudouse coa recuperación da democracia cos gobernos da UCD. Francia foi o país que máis dificultades puxo á entrada de España (consideraba que podía afectar directamente ós seus intereses, especialmente os agrarios). As negociacións foron lentas e duras ata concluír na sinatura do Tratado de Adhesión de España ás Comunidades Europeas en xuño de 1985 e a entrada de España como membro de pleno dereito a partir do 1 de xaneiro de 1986 (Documento 1)  Xunto a innegables melloras directamente relacionables coa entrada en Europa (importantes axudas económicas a través de fondos europeos como o FEDER e outras axudas dos fondos comunitarios, a modernización e renovación do sistema económico, a apertura e expansión das empresas españolas cara ao exterior, a construción de numerosas infraestruturas, etc), tamén houbo que consignar importantes problemas, especialmente graves no sector primario (actividades agropecuarias e pesqueira), xa que houbo que realizar numerosos axustes estruturais e aplicar as restricións comunitarias á produción (cotas), limitando temporalmente o desenvolvemento de importantes sectores económicos do sector primario. Por outra parte, a necesidade de axustar as economías dos países membros para converxer na moeda única, segundo os acordos de Maastricht de 1992, obrigaron a un constante reaxuste e control do gasto público.

No mesmo ano 1986, o goberno socialista de FelipeGonzález organizou un referendo sobre a permanencia de España na OTAN, coas premisas de que España non se integraría na estrutura militar, reduciríase o número de bases norteamericanas no noso país (a través do convenio militar asinado cos EE.UU en 1988) e prohibiríase a presencia de armamento nuclear na península . O PSOE (que se opuxera á entrada do noso país no 1982), logrou o SÍ por escasa marxe, Posteriormente, en 1997 e durante o mandato do Popular JoséMaría Aznar, España incorporouse á estrutura militar da Alianza Atlántica, ademais de permitir aos EE.UU introducir armas nucleares no noso territorio, previa autorización do Goberno de España.
 
O comezo da década dos anos 1990 serviu como aval do novo protagonismo de España no contexto internacional. Trala participación do noso país na I Guerra do Golfo (1991), confirmando o papel de España como aliado occidental responsable, decidiuse que Madrid fose ese mesmo ano sede da Conferencia de Paz árabe-israelí (Documento 2), un evento histórico (auspiciado polos EE.UU e a Unión Soviética (entón dirixidas por George Bush e Mijail Gorbachov) e que sentou por primeira vez dende 1948 na mesma mesa ás partes directamente implicadas no conflito do Próximo Oriente. Escolleuse a capital española, segundo as partes implicadas, «non so polos lazos de España coa rexión, senón tamén polo seu crecente papel en todas as relacións internacionais», o que constituiu un dos maiores éxitos da diplomacia do goberno de Felipe González. En dita conferencia sometéronse a consideración tanto a fórmula palestina de «paz por territorios» como o recoñecemento por parte árabe do Estado de Israel ou a futura retirada do exército israelí do sur do Líbano. A Conferencia de Paz de Madrid sería o punto de partida para as negociacións de Oslo de 1992 e para a Declaración de Principios do ano seguinte (concesión da autonomía para Gaza e Cisxordania).
 
Igualmente, durante os gobernos socialistas dos anos 80 comezáronse a modernizar as Forzas Armadas. Como consecuencia da entrada de España nos organismos internacionais, as tropas españolas empezaron a participar en diversas misións de paz (Documento 3)

En xaneiro de 1989, as Forzas Armadas españolas participaron por primeira vez nunha operación internacional en Angola (UNAVEM ou supervisión da retirada das tropas cubanas nese país africano).

Dende esa data e ata a actualidade,  España ven participando en numerosas misións no exterior, tanto con efectivos do Exército como da Garda Civil, cos obxectivos de proporcionar estabilidade e seguridade, prestar axuda humanitaria,  loitar contra o terrorismo ou colaborar na defensa do territorio aliado da OTAN. A maioría delas son misións enmarcadas no ámbito multilateral, baixo mandato das Nacións Unidas (cascos azuis), da OTAN ou da Unión Europea.

Baixo mandato da ONU destacan, entre outras, a presencia militar no Líbano (UNIFIL, dende 1978 ata a actualidade),  Centroamérica, Colombia (MISIÓN I e II, dende o 2016, para asegurar o proceso de paz). En colaboración coa ONU e a Unión Europea, son coñecidas as misións UNPROFOR e EUFOR Althea en Bosnia-Herzegovina (dende 1992, sendo a intervención no estranxeiro máis longa ata o momento); a misión europea de adestramento en Somalia (2010); a EUNAVFOR ou Operación Atalanta (2008), para asegurar o tráfico marítimo e combater a piratería no Mar Rojo; e diversas misións en África (Angola, Namibia, Mali, República Centroafricana, Senegal, Mozambique, Yibuti, Cabo Verde…), co fin de adestrar as forzas armadas deses Estados e loitar contra o yihadismo.
En Europa (ademais do caso xa mencionado da ex Iugoslavia), España leva colaborando coa OTAN en distintas misións de defensa e disuasión na zona leste (Báltico e Romanía), áreas especialmente delicadas nos últimos anos a raíz, sobre todo, da invasión rusa de Ucraína.

O Golfo Pérsico e o Próximo Oriente, pola súa situación conflitiva e complicada, foi escenario da intervención española baixo mandato internacional en varias ocasións dende os anos 90: Irak (apoio á coalición internacional na I Guerra do Golfo de 1991, loita contra o DAESH e adestramento na actualidade das forzas iraquíes), Afganistán (2001-2021), a mencionada presencia no Líbano e Turquía (colaboración dentro da OTAN a raíz da crise de Siria do 2013).

En total, ata o 2024, os militares españois participaron en 83 misións internacionais, despregando a máis de 160.000 efectivos e sufrindo 170 baixas

Finalmente, debemos referirnos á evolución da política exterior española nas seguintes décadas.

Cos gobernos do Partido Popular de José María Aznar (1996-2004) e de Mariano Rajoy (2011-2018), os trazos máis salientables foron: con Aznar, a diplomacia española (ao igual que o resto do mundo occidental), estivo directamente influenciada polo impacto dos atentados do 11 de setembro do 2001 e do comezo dunha ofensiva global contra o terrorismo yihadista. Nese contexto, o presidente Aznar apoiu a política norteamericana de George Bush fillo (Cumio das Azores, 2003), enviando tropas a Irak trala invasión estadounidense. Tamén se apoiou, no ámbito europeo, o chamado Tratado de Niza do ano 2000. No caso do goberno de Rajoy, priorizouse loitar contra a crise económica do 2008, relegando a política exterior a un segundo plano (agás na ratificación de apoios internacionais ante a ameaza do proceso independentista catalán do 2017).

Con respecto aos gobernos socialistas de  José Luis Rodríguez Zapatero (2004-2011) e de Pedro Sánchez (2018- ), no caso do primeiro, estableceuse unha nova política exterior, marcada polo distanciamiento da política de Bush e un mellor entendemento con Europa, Hispanoamérica e o mundo árabe, con medidas como a retirada das tropas españolas de Irak (2004), a premisa de que en adiante so o Congreso podería autorizar o envío de tropas ao exterior, o mantemento das misións exteriores baixo mandato da ONU e a proposta de crear unha Alianza da Civilizacións. En referencia aos gobernos de Sánchez, cabe destacar, sobre todo, o mantemento e ampliación das misións militares no exterior ou o cambio drástico na postura tradicional con respecto ao antigo Sáhara español.

 

Deja un comentario

Blog de WordPress.com.

Subir ↑