COMPOSICIÓN “A GUERRA CIVIL: SUBLEVACIÓN, BANDOS EN CONFLITO E A SÚA DIMENSIÓN INTERNACIONAL”

Recorda que na proba ou práctica da composición dun texto de tipo histórico hai que ter en conta, como criterios xerais, os seguintes:

-Por unha banda, a suxeción ás pautas básicas que rexen a expresión escrita (esencialmente aprecisión léxica, a corrección da sintaxe, a claridade na expresión e a coherencia na exposición das ideas).

-Por outra parte, teranse en conta a capacidade de análise, a capacidade relacional, a axeitada utilización dos documentos e a precisión espazo-temporal.

-A paráfrase ou reprodución dos documentos será cualificada como suspenso.

-Os documentos serven como punto de partida do discurso, debendo amosar o alumno o dominio do tema (contextualización dos textos, interrelación dos mesmos, análise pausada e introdución de información suplementaria), co obxectivo de mostrar unha explicación coherente da problemática histórica prantexada en cada opción.

 

 DOCUMENTOS A TRABALLAR:

Os seguintes documentos deben permitirche elaborar un texto sobre a Guerra Civil. Na redacción debes desenvolver as seguintes cuestións: a sublevación militar que lle dá inicio (Documento 1); as posicións ideolóxicas  dos dous bandos que se enfrontaron no conflito  (Documento 2) e a dimensión internacional da guerra española (Documento 3).  Lembra que non se trata de responder a preguntas illadas, senón de realizar unha composición coherente e argumentada, e que na avaliación se terán en conta os coñecementos, a utilización dos documentos e a corrección da expresión escrita.

 

Doc.1.-Alocución radiada do xeneral Franco (18 de xullo de 1936), na que xustifica a rebelión contra e República:

“A situación de España é cada día máis crítica; a anarquía reina na maioría dos seus campos e vilas; autoridades de sona gobernativa presiden, cando non fomentan, as revoltas; a tiro de pistola e metralladoras dirímense as diferenzas entre os cidadáns (…), sen que os poderes públicos impoñan a paz e a xustiza. Folgas revolucionarias de toda clase paralizan a vida da Nación (…). Os monumentos e tesouros artísticos son obxecto do máis asañado ataque das hordas revolucionarias, obedecendo a consigna que reciben das directivas estranxeiras, coa complicidade e neglixencia dos gobernadores (…). Ao espírito revolucionario e inconsciente das masas, enganadas e explotadas polos axentes soviéticos (…), únese a neglixencia de autoridades de todas clases (…). A Constitución, por todos suspendida e vulnerada, sofre unha eclipse total: nin igualdade ante a lei, nin liberdade (…), nin unidade da patria, ameazada pola esgazadura territorial (…). ¿É que podemos abandonar a España aos inimigos da patria, con proceder covarde e traidor, entregándoa sen loita e sen resistencia? ¡Iso non! Que o fagan os traidores, pero non quen xuramos defendela”.

 

Doc. 2.-Dolores Ibarruri, Pasionaria, chama á resistencia no seu discurso do 19 de xullo de 1936:

“Traballadores, antifascistas, pobo laborioso: todos en pé a defender a República, as liberdades populares e as conquistas democráticas do pobo (…). Todo o país vibra de emoción ante eses desalmados que queren polo fogo e o terror sumir á España democrática e popular nun inferno (…). Pero non pasarán; España enteira está en pé de loita (…). ¡Viva a Fronte Popular! ¡Viva a unión de todos os antifascistas! ¡Viva a República do pobo!”.

 

Doc. 3.-Galeazzo Ciano, ministro italiano de Asuntos Exteriores, informa así da situación en España:

“En España xa se formaron dúas frontes. Cunha están alemáns e italianos; con outra franceses, belgas e rusos. O Duce está de acordo con Hitler en opinar que a determinación das dúas frontes é xa un feito consumado. Italia apoiou e segue a apoiar aos españois sen condicións (…). A nosa acción en España é unha proba efectiva da nosa participación na loita antibolxevique”.

(Introducción):

A Guerra Civil  (1936-39) é o feito histórico máis importante e tráxico da España do século XX, cunha fonda pegada política, humana e cultural que chega ata os nosos días.. Neste conflicto podemos atopar moitos dos problemas e tensións sufridas pola sociedades española durante a etapa da II República (1931-36). Ó mesmo tempo, a guerra española hai que relacionala co difícil contexto internacional da década de 1930 (crise económica de 1929, auxe dos fascismos, crise das democracias parlamentarias). Foi un conflito cun profundo peso ideolóxico, social e unha “guerra total”  que afectou a toda á sociedade española e trouxo importantes consecuencias nas décadas posteriores.

(Análise e comentario dos documentos):

No Documento 1 recóllense gran parte das xustificacións  dos sublevados contra o goberno da Fronte Popular en xullo do 36. Os sectores opostos ás reformas da II República (oligarquía económica, latifundistas, Igrexa católica, sectores máis dereitistas do exército…), “vían en perigo España”, para eles suxeita a “unha revolución popular dirixida por comunistas, separatistas e anticlericais”. Xa en 1932, o xeneral Sanjurjo levantárase contra a República, fracasando na intentona golpista.

Este temor a  unha “revolución comunista que convertise a España nunha República Soviética” agrandouse tralo triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936, radicalizándose o panorama político entre as dereitas e as esquerdas.  Xa dende aquel momento, comezou unha conspiración  (sendo o xeneral Mola o seu máximo responsable e coordinador), que buscaba, mediante un golpe de Estado, “restaurar a orde pública e defender España da ameaza marxista”.  Polo tanto, e segundo os conspiradores, había que adiantarse para impedir a “inminente revolución de esquerdas” (non hai probas da mesma), mediante a forza.

Moitas desas xustificacións dos golpistas foron asumidas polo xeneral Francisco Franco (un dos principais implicados no levantamento armado de 1936), como nas 3 primeiras liñas, onde se recolle  o problema da desorde pública e da violencia política (nos meses previos á guerra o país viviu unha onda de folgas, atentados nas rúas, tiroteos e disturbios, todo o cal foi empregado polos grupos dereitistas para desacreditar ó goberno de Casares Quiroga). Na 4ª liña, podemos atopar a preocupación polo anticlericalismo levado a cabo por grupos incontrolados. Tanto a xerarquía católica como os grupos conservadores acusaron ó Goberno de pasividade e denunciaron que tales atentados estaban “organizados por axentes estranxeiros ó servicio da URSS “. Nas últimas liñas da alocución do xeneral Franco, finalmente,  os sublevados non  se presentan como golpistas, xenón como españois preocupados pola “non vixencia da Constitución republicana de 1931” (“por todos suspendida y vulnerada”) e polo proceso autonómico (o Exército considerábase dende o s. XIX a “columna vertebral”  e o  máximo garante da súa integridade territorial). De aí, que moitos militares conservadores consideraban a descentralización territorial) como un proceso de “separatismo” (“nin unidade da patria, ameazada polo desgarramento territorial”). 

 Deste xeito, cando se produciu o golpe de estado as masas católicas, a gran burguesía e as forzas dereitistas (CEDA, monárquicos, carlistas e falanxistas) apoiaron, colaboraron ou non se opuxeron  a aquel.  Para os golpistas, a sublevación ou golpe de Estado non era tal: eles preferían falar  de “Alzamiento Nacional, Plebiscito Armado ou Cruzada”, unha loita dos elementos máis “sans” da patria contra “a antipatria, a chusma marxista e os rojos”. Todos estes grupos e sectores servirían de base fundamental para a posterior dictadura instaurada polo xeneral Franco ata 1975.

Pola contra, o bando republicano considerou que a sublevación do 18 de xullo era unha rebelión militar contra a orde legalmente establecida a través dunhas eleccións democráticas . O Goberno republicano rexeitou  calquera tipo de disculpa ou xustificación no sentido de que se estaba a preparar unha revolución comunista no país (excusa machaconamente empregada polos organizadores do golpe de Estado). Ese carácter de acto totalmente ilícito e antidemocrático, que non respectaba os resultados electorais que levaron ó triunfo da Fronte Popular en febreiro de 1936 está claramente recollido ó longo do Documento 2, no que Dolores Ibarruri, “Pasionaria” (unha das líderes máis carismáticas e populares do Partido Comunista de España ó longo da II República e de toda a Guerra Civil) presenta a loita contra os golpistas como un combate contra a ameaza do fascismo, representada para eles polos sublevados,  que querían suprimir as conquistas e avances socias, políticos e económicos que a República concedera ás masas traballadoras. 

Así, pois, no momento da sublevación permaneceron fieis á República as forzas e organizacións de esquerdas , tanto socialistas como comunistas (PCE, PSOE, UXT), e tamén  os anarquistas.; xunto a eles, o resto dos partidos republicanos democráticos e de centro-esquerda, e os partidos nacionalistas (PNV, ERC, PG, etc), interesados en asegurar o proceso autonómico.  Todas esas forzas e grupos son os destinatarios do discurso da “Pasionaria, nos momentos iniciais da guerra, intentando mobilizar ás forzas democráticas contra os militares sublevados, ante a indecisión e falta de reflexos do Goberno de Casares Quiroga. Sen embargo, debemos mencionar igualmente que dentro do bando republicano tamén existían sectores  que pensaban aproveitar a guerra para desenvolver unha auténtica revolución (sobre todo, por parte dos anarquistas), o que fomentaría divisións e debilidades, un dos factores da derrota republicana en 1939.

Documento 3 serve para entender as conexións internacionais dos dous bandos enfrontados durante a Guerra Civil.  Efectivamente, a “Guerra de España” tivo unha grande repercusión no contexto internacional do momento: por unha banda, as forzas democráticas e progresistas  estiveron a favor da República., mentres que para os grupos máis conservadores, o alzamento franquista era un freo á expansión do “comunismo”.

Dende o golpe de Estado de xullo do 36, o conflicto español tivo inmediatas implicacións internacionais. No mesmo verán de 1936, creouse o Comité de Non Intervención (unha idea franco-británica, co obxectivo de illar a guerra e evitar un conflicto europeo no que entrase a Alemaña nazi), co obxectivo de limitar o conflicto a España, evitar que este se prolongase e vixilar que ningún dos dous bandos implicados recibisen axuda doutras potencias. O Comité foi un fracaso total, xa que foi incapaz de evitar a axuda internacional e, sobre todo, perxudicou ó goberno republicano español (dificultou a adquisición de material bélico daquel). En xeral, a axuda ofrecida dende o estranxeiro estivo supeditada non só a intereses de tipo estratéxico ou político, senón tamén por motivos ideolóxicos e econónicos.

O bando republicano,  contou co apoio  non oficial das principais democracias occidentais e, sobre todo , da Unión Soviética de Stalin

O bando sublevado, en cambio, contou coa axuda das potencias fascistas, apoio decisivo na victoria militar das tropas franquistas. Tanto Hitler como Mussolini decidiron poñerse do lado de Franco por motivos estratéxicos e políticos (prestixio militar, entrenamento ou ensaios con novos armamentos, interese por contar cun aliado agradecido no Mediterráneo) e tamén claramente ideolóxicos. Neste último punto é onde hai que entedender o Documento 3. A Italia fascista e a Alemaña nazi coincidían con Franco no seu feroz anticomunismo (na última liña do documento hai unha referencia á guerra española como parte do combate contra a expansión marxista e o temor a instalación no noso país dun réxime prosoviético),  a defensa da Igrexa católica (idea sumida sobre todo polos fascistas italianos)

Hai que ter en conta que o modelo de Estado totalitario representado polos fascistas (sobre todo, italianos), serviría de inspiración en moitos aspectos para a España Nacional  do xeneral Franco, (símbolos,  abolición do pluripartidismo e da democracia parlamentaria,  organización corporativaautarquía económica, etc), durante a guerra e, sobre todo, coa instauración da ditadura a partir de 1939.

(Conclusión ou balance final):

Hai que ter en conta que o 18 de xullo nin os  sublevados nin os republicanos tiñan previsto que se desencadease unha guerra fratricida  de tres anos de duración: sen embargo, o semiéxito ou semifracaso do golpe de estado produciu a división do país en dúas zonas ben diferenciadas, tanto dende o punto de vista ideolóxico como político, as “dúas Españas”, en parte xa vislumbradas pola  polarización política e social que provocou o proceso reformista republicano. Finalmente, non olvidemos a trascendencia política da Guerra Española, xa que trala derrota do réxime republicano en 1939, Franco,  instauraría unha longa dictadura ata a súa morte, case corenta anos despois.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: