«Economía e sociedade na Galicia dos Austrias: a agricultura e as súas transformacións; a importancia da pesca na Galicia litoral, e a estrutura social (sociedade rendista e o peso da fidalguía)»
Durante o reinado dos Austrias, Galicia mantivo unha posición periférica pero estratexicamente importante por ser un punto vital na ruta marítima cara aos Países Baixos. Os Austrias potenciaron a organización política do vello reino: Capitán Xeneral, Real Audiencia, Xuntas do Reino. Galicia estaba dividida en provincias (sete desde mediados do século XVI: Coruña, Betanzos, Santiago, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Tui). As Xuntas do Reino de Galicia actuaban, desde 1528, como representación do Reino. En 1622 Galicia recuperou o dereito de ter representación nas Cortes de Castela a cambio da entrega de 100.000 ducados para construír unha escuadra coa que defender as súas costas.
-A agricultura e as súas transformacións. Ao longo dos séculos XVI e XVII, a economía galega era fundamentalmente agrícola (máis do 80% da poboación vivía en e do campo) e estivo fortemente ligada ás posibilidades produtivas da terra. Ata 1560-80 mantívose o sistema tradicional de produción feudal baseado no cultivo de cereais (trigo e centeo) e no barbeito, que permitiu o crecemento da poboación. A partir desas datas, o desequilibrio entre poboación e recursos favoreceu a aparición das crises de subsistencia, con malas colleitas, fames e pestes, que provocaron a diminución da poboación, sendo especialmente grave o ciclo negativo de 1633-36. Estas dificultades estimularon a transformación do sistema de cultivo. Desde a costa e cara ao interior, foise estendendo o cultivo do millo, produto procedente de América que alterou o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito. Estes cambios permitiron un forte crecemento da produción e da poboación; esta situación contrastaba co panorama negativo do século XVII no resto de Europa.
-A importancia da pesca na Galicia litoral. A pesca litoral complementaba a dieta alimenticia das poboacións costeiras e a de altura potenciaba a economía grazas ás campañas da pesca do bacallau en Terranova, que permitía a súa venda nos mercados de Castela. Importante tamén foi a salgadura de peixe, especialmente da sardiña, en numerosas instalacións distribuídas ao longo de toda a costa galega.
-A estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía. A sociedade galega da época era esencialmente rural e as cidades eran moi pequenas, destacando Santiago de Compostela, polas súas funcións relixiosas, A Coruña, sede das institucións de goberno, e Pontevedra, en declive e relacionada coa pesca e salgadura da sardiña. As actividades artesanais e comerciais eran escasas, predominando a autarquía comarcal. Cómpre destacar a produción doméstica de tecidos de liño.
Desde finais do século XV, a alta nobreza galega residía na Corte e varios dos seus membros desempeñaron elevados cargos na administración (vicerreis, embaixadores) e vinculáronse coas familias nobiliarias castelás. Membros destacados desta nobreza foron Fernando de Andrade, conde de Vilalba (participante na conquista de Nápoles); Fernando de Castro, conde de Lemos (autor de El búho gallego en defensa de Galicia); Gaspar de Zuñiga, conde de Monterrei (que foi vicerrei de México e Perú); Pedro Fernández de Castro, conde de Lemos (vicerrei de Nápoles e presidente dos Consellos de Indias e Italia), e Diego Sarmiento, conde de Gondomar (embaixador en varios reinos europeos).
O absentismo da alta nobreza permitiu o auxe da fidalguía, un grupo que se converteu no dominante en Galicia no século XVII. A súa posición apoiábase no control das rendas agrarias a través do cobro dos foros que gravaban as terras que traballaban os campesiños (foreiros).
Deja una respuesta