CUESTIÓN: “OLIVARES E A CRISE POLÍTICA DA MONARQUÍA HISPÁNICA”

En 1621 comezou o reinado de Filipe IV, que nomeou como valido a Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares. Ambos trataron de manter a hexemonía da Monarquía hispánica no mundo, ameazada especialmente por Holanda e Francia.
O valido de Filipe IV tiña en mente ambiciosos proxectos de reforma para a Monarquía Hispánica, esgotada por anos de continuos conflitos bélicos contra múltiples inimigos. Desde o inicio do seu goberno, o conde-duque de Olivares quería modificar a estrutura política da Monarquía hispánica eliminando os privilexios forais dos seus reinos e impoñendo en todos eles as leis de Castela, as máis favorables para o poder real, ao tempo que buscaba aliviar o esforzo económico e militar que recaía sobre o reino de Castela. Para conseguilo, poderían empregarse todo tipo de medidas, incluída a guerra.

O proxecto da Unión de Armas de 1625 establecía un reparto da carga militar e fiscal entre todos os reinos (ata entón só recaían as cargas sobre Castela) e a creación dun exército permanente de 140.000 homes, repartidos entre os distintos reinos de acordo coa súa poboación e riqueza. Esta política impositiva e uniformizadora xerou protestas e alteracións nos diferentes reinos da Monarquía, temerosos de perder os seus privilexios, destacando os de Cataluña e Portugal.
A revolta de Cataluña tivo os seus antecedentes na entrada en 1639 no Principado das tropas reais para combater ás tropas francesas que invadiran o Rosellón. O aloxamento das tropas castelás ocasionou tumultos que culminaron coa sublevación dos segadores e o asasinato do vicerrei, o conde de santa Coloma, en Barcelona (Corpus de sangue, 7-6-1640). Tumultos semellantes producíronse por toda Cataluña. Olivares enviou ao exército para reprimilos e quixo aproveitar a situación para modificar os privilexios forais. Ante a gravidade da situación, a Generalitat catalá, liderada polo deputado Pau Claris, convocou Cortes e asumiu o goberno de Cataluña. As tropas reais ocuparon varias cidades pero fracasaron ante Barcelona. En 1641, a Generalitat solicitou axuda a Francia e proclamou a Luís XIII conde de Barcelona. O conflito alongouse, pero o temor ao dominio francés (aínda máis centralista có castelán) e as promesas de Filipe IV de respectar os seus privilexios minaron a resistencia dos cataláns. En 1652 as tropas reais entraron en Barcelona e Filipe IV ratificou os privilexios forais de Cataluña.
Pola contra, faríase definitiva e irreversible a independencia de Portugal, anexionado por Filipe II en 1580. O descontento portugués foi en aumento ante a política de castelanización de Olivares, a obrigada participación de soldados portugueses no conflito de Cataluña e a perda de parte do seu imperio colonial ante os ataques dos holandeses. Aproveitando a escaseza de tropas pola multiplicidade de frontes nas que combatía Filipe IV, unha conspiración nobiliaria conseguiu facerse co poder e proclamar ao duque de Braganza rei de Portugal en 1640. Os varios intentos de reconquistar Portugal fracasaron e España recoñeceu definitivamente a independencia en 1668.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog de WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: