CUESTIÓN: “A CONFIGURACIÓN DO IMPERIO ESPAÑOL NO SÉCULO XVI”

“A configuración do imperio español no século XVI: a herdanza de Carlos I e os cambios en tempos de Filipe II (rebelión de Flandres, incorporación de Portugal e guerra contra Inglaterra)”

Entre 1515-19, Carlos de Habsburgo, como Carlos I de España,  recibiu como herdanzas dos seus pais (Xoana a Tola e Filipe o Fermoso) e avós (Reis Católicos e reis da Casa de Austria e de Borgoña) numerosos territorios espallados por Europa (Coroa de Castela, Coroa de Aragón, Nápoles, condados e ducados de Austria e Flandres…) e por América. Ademais, en 1519 foi elixido emperador do Sacro Imperio Xermánico (co nome de Carlos V como emperador). Este enorme conxunto de territorios (ao que se engadirían outros conquistados durante as distintas campañas militares do emperador) sufriría diferentes modificacións ao longo do tempo, pero subsistiu no seu núcleo principal ata 1700, cando faleceu sen descendencia o derradeiro dos Austrias españois, Carlos II.

 Entre 1555-56, Carlos I abdicou deixando ao seu fillo Filipe II a maior parte dos seus reinos, agás os territorios austríacos (xa que o trono imperial cedeuse ao irmán de Carlos, Fernando). Durante o seu reinado a herdanza recibida foi aumentada e sufriu modificacións, sostendo numerosas guerras para manter a súa hexemonía en Europa, especialmente contra Francia, os otománs ou turcos, os ingleses e os holandeses.
Entre os acontecementos destacan:

-Rebelión en Flandres. Flandres era unha das dezasete provincias que conformaban os Países Baixos. No século XVI a doutrina protestante espallouse por todos eles. A intolerancia católica do rei Filipe II provocou revoltas e motíns contra a súa autoridade. A pesar da acción represiva exercida polo duque de Alba, a rebelión non cedeu. En 1579 as provincias do norte, encabezadas por Holanda, non renunciaron ao protestantismo e lograron sacudirse o dominio español formando as Provincias Unidas baixo o liderado de
Guillerme de Orange (Unión de Utrecht) e consolidaron a súa posición grazas ao apoio inglés, dando paso ao longo conflito coñecido como Guerra dos Oitenta Anos. Pola contra, nas provincias do sur, o protestantismo foi erradicado manténdose na obediencia católica e baixo a soberanía de Filipe II (Unión de Arras).
Incorporación de Portugal. En 1580 morreu sen descendentes directos o rei de Portugal e Filipe II reclamou o trono por ser fillo dunha princesa portuguesa. Empregando a diplomacia e o exército, conseguiu que en 1581 as Cortes portuguesas o recoñecesen como rei, xurando este manter as súas liberdades e institucións propias. A integración de Portugal significou, ademais da unidade peninsular, a incorporación do seu enorme
imperio con posesións en África, Asia e América; naqueles momentos podíase dicir que nos dominios de Filipe II “non se poñía o sol”.
Guerra contra Inglaterra. Factores como os motivos relixiosos (cisma anglicano), políticos (apoio aos rebeldes protestantes dos Países Baixos, execución da raíña de Escocia, a católica María Estuardo) e económicos (ataques dos ingleses ás colonias e frotas americanas) decidiron a Filipe II a organizar a invasión e conquista de Inglaterra.
Para logralo formou en 1588 a Gran Armada que debía ir ata os Países Baixos para embarcar alí os terzos españois e asaltar Inglaterra, pero a operación foi un fracaso. Como represalia, os ingleses enviaron unha flota capitaneada por Drake en 1589 que atacou A Coruña, Lisboa e as Azores. O enfrontamento manteríase constante ata a morte de Filipe II en 1598.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un blog o un sitio web gratuitos con WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: